Benvidas á nosa páxina!
Estamos só a comezar co noso proxecto, pronto poderás saber máis sobre nos. A nosa primeira actividade, o cartografado rural está sendo poboada, podes visitala en Cartografado Rural
Como vemos o rural galego?
Algunha vez quixeches darlle solución ás túas necesidades localmente e de forma sostible mais atopácheste coa frustración ao ver que todo está dirixido cara as grandes empresas alleas ao territorio. Se cadra ti es unha desas persoas que apostou por un tipo diferente de negocio asentado no rural e con perspectiva ecoloxista pero sénteste só nesta aventura. Poida que teñas unha idea mais precisas dun mentor que coñeza o rural e as súas características particulares. Gustaríache coñecer a outras persoas que compartan os teus valores e tecer unha rede galega rural na que medrar e florecer en comunidade?
Vindeiras S.Coop.Galega comparte as túas inquedanzas. Somos unha cooperativa de dinamizadores e facilitadores na que poñemos o ben común de todo tipo de vida no centro e nos esforzamos por xerar un tecido social resiliente no que se fomente a innovación xurdida do territorio encamiñando a Galicia cara un futuro con propósito.
O noso obxectivo é coñecer e reforzar os piares da sociedade rural galega para poder construír sobre estes un país no que se satisfagan todas as necesidades a través dunha economía social circular e local mantendo deste xeito dentro das nosas fronteiras o valor xerado e compartíndoo fóra das mesmas cunhas condicións xustas e humanas.
En Vindeiras tratamos de inspirar un propósito común de cambio social co que inocular esperanza e motivar de forma interxeracional tanto a novos como maiores. Pretendemos transformar o paradigma no que vivimos para crear un novo no que se teña realmente en conta o benestar das persoas tanto físico como mental. A través do traballo sociocultural animamos á participación da cidadanía neste proceso de análise e reflexión co que comeza a rexeneración do ámbito rural e do sentimento de pertenza cultural que se precisa para construír unha comunidade cohesionada na que o ser humano acade a felicidade. Facémolo tendo en conta non só os desexos do pobo galego se non tamén as características da realidade na que nos atopamos, é dicir, tendo en conta o contexto intercultural que se presenta ante un futuro cheo de suficientes retos e infinitas oportunidades.
A cooperativa Vindeiras emprega a ferramenta do Cartografado Rural como base do seu proxecto, unha ferramenta dispoñible para toda a poboación que conectará a creadores, artistas, innovadores, planificadores, administradores, consumidores, clientes, usuarios, profesionais, seareiros, colaboradores, cooperadores, asociados, educadores, mentores, aprendices… En definitiva, persoas que comparten o mesmo propósito: unha Galicia cohesionada e viva.
Este mapa non só localizará e conectará a persoas e negocios se non que presentará proxectos de carácter transformador que merecen ser coñecidos debido ao seu potencial inspirador. Poñeremos en contacto a aqueles que desenvolvan solucións con aqueles que precisen delas. Trátase da creación dun espazo bidirecional no que se valore e recoñeza o esforzo que todo emprendedor dedica á hora de innovar dende e para o rural xa que somos sabedores das constantes dificultades que o actual sistema urbano- céntrico supón. Apoiaremos tanto aos innovadores como á poboación que se adentre neste cambio paradigmático facilitando a existencia dunha comunidade que empodere aos seus membros a través de información libre e accesible.
En poucas palabras, o Cartografado Rural é unha ferramenta empregada á hora de construír unha Galicia que conte co seu pobo, territorio e cultura á hora de tomar as decisións que definan o seu futuro. Vindeiras S.Coop.Galega son as persoas que facilitan a comunicación e o espazo que o fará posible.