Dende 2014 o Cinema proxecta películas que axuden ao espectador a reflexionar achegándoo a unha perspectiva máis ecoloxista e preocupada do medio ambiente. Anxo Moure Mosquera, o seu creador, é un escritor e contacontos galego de Chantada que sempre admirou o cine como ferramenta para a educación. Dedica a súa vida a contar historias que poñan en relevancia a natureza e que transformen a concepción xeral que se ten dela. O Cinema Palleiriso conta cunhas 40 butacas recicladas que lle dan acollida aos veciños de Garabelos e a súa contorna. A sostibilidade é un dos seus valores principais polo que empregan mantas e beberaxes quentes como principal método de calefacción. Ademais, as simbólicas entradas poden ser compostadas xa que se trata de simples follas de loureiro.